(Non conciliados, argumentos para a resistencia cultural, Cineclube de Compostela,
Santiago de Compostela, 2010) ISBN: 978-84-614-0937-2

Facer filmes contra o seu tempo

Unha xente de Grenoble publicaba, vai para dous anos, un limiar
que se chamou “Teses para o tempo presente” e que concluía:
“Il faut vivre contre son temps, voilà tout”, que eu vou traducir por:
“Cómpre vivir contra o presente, é do que se trata”.1

Vén de vello que algúns dos escritos sobre o cinema máis produtivos
foron aqueles nos que se tratou o cinema como ‘arte do tempo’ para,
precisamente, tentar arrepórselle a este (Tarkovsky ou Deleuze, por
caso). Vou tentar achegar que pode ter a ver o tempo co cinema en
cinco filmes que foron feitos “contra o seu tempo”, igual que “contra o
tempo” concibiu Daniel Bensaïd as revolucións.2 Onde se le “política”,
podemos ler “cinema”:

“a política, arte das mediacións, é tamén unha arte do
contratempo e do instante correcto (...) Resulta que
poucas veces as revolucións chegan puntuais. Non
coñecen o tempo xusto. Están dacabalo entre o “xa non” e
o “aínda non”, entre o que chega cedo de máis [trop tôt] e
o que chega tarde de máis [trop tard]: “Se a Comuna [de
1793] chegou cedo de máis, coas súas aspiracións de
fraternidade, Babeuf chegou tarde de máis”, e “se o
proletariado aínda non podía gobernar Francia, a
burguesía xa non podía facelo”.3

Montaxe en catro movementos: 1. O mercado do trigo (Danièle
Huillet e Jean-Marie Straub, 1985 / David Wark Griffith, 1909)

En 1985, para unha encomenda que a televisión italiana RAI3 lles propón
no cadro dunha emisión de 24 horas de “contra-zapeo” (era a altura
na que os televisores comezaban a incorporar o mando a distancia),
Danièle Huillet e Jean- Marie Straub mudaban o zapeo nunha “alancada
do tigre no pasado”, por lembrar Walter Benjamin,4 en presentando
como propio un filme que D.W.Griffith fixo en 1909.

O primeiro movemento de Montaggio in quattro movimenti consiste en
dous rótulos de presentación que van seguidos de A Corner In Wheat,
o filme no que Griffith enfronta o traballo dos campesiños que sementan
o gran nos EUA contra os especuladores que, no mercado de valores,
duplican o prezo da fariña para negociar.

Quen vira Vampyr (Carl Theodor Dreyer, 1932) recoñecerá no sentido
de xustiza poética do filme de Griffith o seu final contra-maquieiro.

A paixón de Xohana de Arco (Carl Theodor Dreyer, 1928)

Dreyer filma La passion de Jeanne d’Arc en 1927, e as dúas copias
que se estrean en 1928 son as versións que deixou pasar a Igrexa,
xa censuradas. En decembro dese ano, o filme arde en Berlín, nos
laboratorios da UFA, e o cineasta refai unha copia nova a partir dos retallos
que non empregara para a versión orixinal.

Esta copia tamén se queima en 1929 e até os anos 50, cando un crítico
italiano dá cun negativo dunha versión censurada nos arquivos da Gaumont,
non se volverá ver. O filme sonorízase, engádenselle intertítulos e múdaselle
a velocidade de proxección. Malia Dreyer renegar desta copia, é a versión
que se coñecerá até os anos 80 do século XX.

En 1982, un enfermeiro atopa unhas latas de película nun hospital psiquiátrico
de Oslo. Nunha delas estaba a versión inicial de Dreyer, antes da censura, que
o distribuidor danés lle emprestara ao xefe do hospital antes da estrea e que
se dera por perdida (como o 75% dos filmes feitos entre 1895 e 1930). A
Cinémathéque Française restáuraa en 1985 e estréase en 1986, 59 anos
após a súa rodaxe tal e como a fixera Dreyer.

Da loita entre a idea do cineasta e a trasposición literal das actas do
proceso ao que Xohana de Arco se enfrontou en 1431 xorde o filme.
A forma final abrolla como resultado deste enfrontamento entre a idea
e a materia, que implicou unha serie de tomas de decisión: cada declaración
de Jeanne é un primeiro plano; ningún intérprete leva maquillaxe; os intertítulos
reenvían literalmente ás actas do proceso; a partir dunhas acuarelas do
s.XV, nas que os edificios son máis pequenos cás persoas, constrúense
os decorados. Os planos fíanse a través das miradas, e cada corte
rabena uns ollos. O filme de Dreyer amósanos como o progreso non é só
posíbel grazas á tecnoloxía, senón que as persoas co seu traballo, son
quen de anticipalo. Velaquí un filme mudo que é virtualmente sonoro, ou
o que é igual: feito dende o futuro.

Vermos hoxe La passion de Jeanne d’Arc ponnos diante dun tribunal
medieval, e fainos pensar no pouco que mudou a posta en escena
dos xuízos dende hai case 600 anos. Dános a ver como a maneira
de tratar coas leis non implica necesariamente que se faga xustiza
con elas.

A Comuna (Peter Watkins, 2000)

Filmada no que queda do galpón en que Méliès facía os seus experimentos
para os converter en filmes, Peter Watkins colle a xente da rúa, vístea
con traxes da época e pídelles que estuden a Comuna de París (maio
de 1871). Durante seis horas de filme, mestúranse as discusións entre
os intérpretes, que tentan tirar proveito do feito histórico para entender
o tempo presente, a posta en escena dos acontecementos daquela
altura e as crónicas de dous xornalistas da “televisión comunal”, que
retransmiten en directo dende finais do século XIX e serven de
engado para comezarmos a desanoar as diferentes temporalidades
do posíbel.

A La Commune acáelle este texto que Fredric Jameson preparou para
o limiar d’A Estética da Resistencia (Peter Weiss, 1975-1981):

“Mesmo os compromisos persoais –que son sen dúbida os
do propio Peter Weiss- non poden expresarse, validarse de
seu, sen a discusión coa parte contraria: teñen de abrollar
dende o enfrontamento con adversarios persuasivos (...)
Ao cabo, ningunha das partes vence nestas batallas
ideolóxicas, mais cada unha precisa da outra para acadar a
súa expresión e representación histórica”.5

Nun programa duplo a partir d’A guerra civil en Francia (K. Marx), La
Commune
habería de ir canda Lothringen!, o filme de vinte minutos que
Huillet e Straub fixeron en Metz en 1994, lembrando a anexión de Lorena
por Alemaña na guerra franco-prusiana de 1870.

Material (Thomas Heise, 2009)

Thomas Heise tira do seu arquivo de imaxes, que andando os anos foi
deixando fóra doutros filmes. Empeza en 1988, recolle o esfarelamento
da perestroika, escolle non amosarnos a queda do muro de Berlín (o
espectáculo do que se arrodeou, sempre dende Occidente), filma a Heiner
Müller preparando unha obra de teatro, as discusións nunha casa ocupada
durante a presentación dun filme, as intervencións na rúa, a xente tomando
a palabra, uns presos falando dun xeito que non é o dos filmes de presos.
Son blocos de imaxe e son, longos, como chantados para deixar testemuña
de como a Historia foi pasando por eles dende a R.D.A.

O filme encetado, como lembrando a Peter Weiss, que constrúe parte da súa
novela A Estética da Resistencia envorcando nela os diarios de antigos
milicianos das Brigadas Internacionais, a voz do narrador dinos: “as imaxes
estaban aí, agardando pola Historia”.

***

“Glauber Rocha: Neste asunto dos públicos minoritarios
eu querería dicir unha cousa. Existe unha actitude moi
paternal con respecto ao público. Dás decote con
intelectuais de esquerda que son escritores, non cineastas,
que claman que facemos filmes complicados por demais
para o público. Eis un punto de vista ben paternalista.
Porque non podes escoller sen coñecer...
O público non ten a oportunidade de escoller porque as
estruturas de distribución que hoxe hai nos países
capitalistas e socialistas impoñen o mesmo tipo de
produto. E os críticos comungan ao declararen que os
filmes son incomprensíbeis.

Jean-Marie Straub: Os críticos que recorren a ese tipo de
linguaxe non son máis ca candongas que traballan para
quen as chulea. E morra o conto...”.6

1http://www.piecesetmaindoeuvre.com/spip.php?page=resume&id_article=153
2 BENSAÏD, DANIEL; “Politiques de Marx”; in MARX, KARL e ENGELS, FRIEDRICH ; Inventer l’inconnu. Textes et
correspondances autour de la Commune ; La Fabrique, Paris, 2008, p. 16.
3 ENGELS, FRIEDRICH; carta do 20 de xuño de 1887 a Karl Kautsky e introdución de 1882 á reedición d’A
guerra civil en Francia.
4 BENJAMIN, WALTER; Sobre el concepto de Historia, “tese XIV”; in Obras, libro I / vol.2; Abada editores,
Madrid, 2008; pp. 315.
5 JAMESON, FREDRIC; “Foreword: A Monument to Radical Instants”; in WEISS, PETER; The Aesthetics of
Resistance. Vol.1; Duke University Press; Durham and London; 2005; p. xvi.
6http://notremusique.blogspot.com/2007/05/une-conversation-entre-cineastes-en-1970_11.html

Ramiro Ledo Cordeiro

 

descarga o pdf

back